Introducción

Versión para impresiónSend to friendPDF version

O camiño de Santiago atrae a milleiros de persoas cada ano, milleiros de peregrinos que deciden gañar o xubileo. Por crenzas relixiosas, por motivos culturais, por atoparse cun mesmo en paz durante a viaxe, por convivir durante uns días con amigos, familia, compañeiros, por ser patrimonio da humanidade,... en fin, os motivos para andar o camiño son diversos. Para unha persoa con mobilidade reducida, ademais de adscribirse a calquera destes estímulos, percorrer o camiño de Santiago suponlle a superación de atrancos, de barreiras, a forza do querer e poder, da loita contra un mesmo e contra a propia natureza que deseña as corredoiras e sendeiros cos pasos dos viaxeiros e do tempo.

Esta guía pretende ser unha ferramenta de apoio para as persoas que teñen dificultades engadidas e, ademais, se constitúe como unha axuda para entender o camiño. Ten por finalidade aportar un instrumento de axuda ao colectivo das persoas con discapacidade, orientando e informando sobre as condicións do firme das rutas do camiño francés que chega ata  Santiago, as prestacións que fan falta para superar os atrancos que pode haber, a accesibilidade dos albergues. En definitiva, o que se pretende con esta guía é que o camiño sexa inclusivo dentro da diversidade que de por si o caracteriza, que os peregrinos ademais de ir a pé, a cabalo ou en bicicleta tamén poidan percorrelo en cadeira de rodas ou con muletas.

Nestas páxinas analizamos as medidas das pendentes, os tramos máis complexos polo estado do firme propoñendo unha ruta alternativa, estudamos tamén a seguridade da vía en tramos compartidos co tránsito de automóbiles... Realizamos toda unha análise exhaustiva para axudar ao camiñante.

Agardamos que as persoas que se decidan a iniciar a aventura da peregrinación lles acompañe esta guía como un elemento máis dos necesarios para levar dentro da mochila. Esa é a nosa intención, que cumpra, canto menos, coa funcionalidade dun mapa de estradas, que guíe ao peregrino ata o fin do camiño, ata o fin do camiño das estrelas.